Sunday 28 de April de 2024

Dúas persoas voluntarias europeas dinamizarán as actividades sociais e culturais do Concello de Lousame durante nove meses


O Concello de Lousame retoma esta actividade tras un ano no que a pandemia da Covid-19 impediu o seu funcionamento

Dúas persoas voluntarias europeas procedentes de Turquía, Ebru Karaca e Dilara Güven, chegaron ao Concello de Lousame no mes de maio para participar no proxecto europeo ‘Actividades interxeracionais de voluntariado’. O programa desenvolverase ata o 17 de decembro e inclúe actividades formativas, colaboración cos equipos da oficina de voluntariado e de xuventude, participación en actividades de cultura, de servizos sociais e de deportes.

No primeiro mes da súa estancia as dúas persoas voluntarias tiveron a oportunidade de afondar no coñecemento do noso idioma e de gozar da beleza das paisaxes destas áreas. En rolda de prensa, ambas coincidiron en poñer en valor o patrimonio natural do Concello de Lousame. Pola súa banda, Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, destacou a capacidade de adaptación das persoas voluntarias e sinalou que “este programa é unha gran oportunidade para coñecer outras culturas e ademais permítenos achegar Lousame a outros países e facer que o nome do noso municipio estea presente alén das nosas fronteiras”.

A longo destes oito meses, as dúas persoas voluntarias que forman parte do da entidade ‘Asociación Xuvenil GAP Genclik Denergi’ promoverán actividades, participarán en conferencias, obradoiros de animación á lectura, participarán en actividades de teatro, musicais ou deportivas, contribuirán á dinamización do Centro de Día, exercerán de apoio no Punto de Atención á Infancia e facilitarán a realización actividades lúdicas en inglés. O programa desenvólvese a través do Corpo Europeo de Solidariedade, que mantén unha listaxe de persoas de entre 18 e 30 anos que desexan participar en proxectos de voluntariado e iniciativas solidarias.

O Concello de Lousame retoma esta actividade despois de que o ano pasado a situación de crise sanitaria pola Covid-19 impedise o seu desenvolvemento e suspender de xeito temporal o proxecto.